O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou que o “Goberno autonómico ultima o programa Camiño Seguro, co fin de establecer a máxima coordinación entre os distintos organismos xestores e propiciar a reactivación progresiva da peregrinación xacobea superada a situación actual”.
O representante da Xunta mantivo hoxe unha videoconferencia cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na que deu conta do traballo en marcha para facilitar a reactivación da peregrinación xacobea nas próximas semanas, unha vez que se dean as condicións de mobilidade e de seguridade sanitaria que así o permitan.
Todos coincidiron na importancia de ofrecer a máxima seguridade aos peregrinos e aos profesionais e veciños que traballan nos distintos servizos ofertados. Para iso, sinalou que “o programa Camiño Seguro contará cunha batería de medidas para cooperar cos concellos das distintas rutas e co propio sector turístico. Entre elas, referiuse ao protocolo de medidas hixiénico-sanitarias que a Xunta está desenvolvendo en colaboración co Instituto para la Calidade Turística Española (ICTE) ou os cursos de formación para traballadores de albergues, que comezarán a próxima semana cunha oferta inicial de 500 prazas”.
A xuntanza permitiu analizar a posibilidade de que os albergues públicos abran de xeito gradual, en función da oferta de prazas de aloxamento totais de cada concello. Foi unha medida na que todos estiveron de acordo, polo seu efecto positivo nas economías locais, e
que será trasladada tamén ao sector de aloxamento privado –que xa o solicitou–, así como ás asociacións de amigos do Camiño, cuxa actividade ao carón da ruta é imprescindible.
Asemade sinalou que a Xunta está traballando no desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas que permitan facilitar as reservas nos albergues, informando en todo o momento aos peregrinos das prazas dispoñibles, unha opción que non existía ata agora.
Tamén se acordou que os concellos observarán posibles necesidades no trazado, de xeito que poidan axilizarse pequenas actuacións precisas a través do servizo de mantemento permanente da Xunta. Por último, acordouse reactivar o convenio, asinado poucos días antes do inicio do estado de alarma. O obxectivo deste acordo será traballar por un Camiño sustentable, con actuacións paisaxísticas, de dinamización e promoción que ofrezan unha mensaxe de calidade e confianza.