O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou onte no Parlamento que a Xunta ultima unha proposta integral para impulsar Lugo como referente cultural. Na súa intervención na Cámara, explicou que o Goberno galego traballa nun estudo para realizar unha análise detallada da oferta da cidade e levar a cabo accións orientadas a que xogue “un papel protagonista” no novo ciclo que se inicia co Xacobeo 21.
Segundo o titular de Cultura e Turismo, é necesario “non volver caer nos erros do pasado”. Neste sentido, citou o caso de infraestruturas como o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) que, malia contar cun elevado investimento por parte das administracións públicas, non xerou as expectativas agardadas ao rexistrar apenas 14 visitas diarias.
Na súa intervención, Román Rodríguez ratificou o compromiso da Xunta á hora de dotar aos lucenses de espazos que permitan difundir a pegada da romanización, non só na cidade senón tamén en toda a provincia. De feito, chamou a aproveitar a “oportunidade” que supón a futura Lei de Museos de Galicia para traballar en “vías innovadoras” que favorezan unha planificación integral da oferta museística da cidade.
O Concello tende a man
Neste senso, a edil titular da área de cultura no Concello de Lugo congratulouse esta mañá das intencións amosadas polo conselleiro e anunciou que pedirá unha xuntanza con Román Rodríguez para que Xunta e Concello “comecen a traballar da man para conseguir que Lugo se converta nun referente cultural”.
A edil indicou que “agradecemos o paso que deu o Conselleiro, para considerar o noso Concello como protagonista da cultura galega, e dende a área de Cultura anunciamos a nosa cooperación e total disposición para traballar conxuntamente para este fin”.