A Xunta volve a pedir a Costas unha reunión para definir as condicións de peche das Catedrais

Transcorridos xa 10 días dende a solicitude formulada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ao Goberno central para definir as condicións relativas ao peche das furnas, arcos e corredores das Catedrais a executar por Costas do Estado e Concello de Ribadeo, a Consellería reitera a súa solicitude de encontro urxente para poder pechar unha batería de medidas cara á nova tempada de verán.

Así, por parte do departamento de Patrimonio Natural, remitiuse, no día de onte, unha nova comunicación ao Ministerio para a Transición Ecolóxica coa finalidade de que as administracións con competencias en materia de seguridade, neste caso o Ministerio e o Concello, adopten as medidas precisas para garantir a seguridade das persoas. Esta petición realízase tendo en conta que existe unha advertencia de perigo aínda non cuantificado recollida nun informe preliminar que recomenda o peche cautelar de covas, furnas, arcos litorais e pasillos en túnel.

Dende a Consellería de Medio Ambiente, e xa cara ao próximo período de control e limitación de accesos ao monumento natural que, como cada ano comeza o próximo día 1 de xullo, manterase o dispositivo de apoio ao uso público na praia que conta cun total de 10 persoas entre control de accesos, aparcadoiros e educadores ambientais, aínda que co reforzo das labores de vixilancia de cumprimento da normativa coa presenza permanente de axentes medioambientais na zona. Desde a Xunta, lémbrase que -como indica o Plan de Conservación do Monumento- o límite diario de acceso é de 4.812 persoas.

Así, compre lembrar que que nos meses de abril e maio instaláronse sinais informativas dos riscos nos distintos accesos así como sinais que indican a prohibición de transitar fóra dos camiños acondicionados a tal fin.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com