A Xustiza vén de desestimar o recurso que presentou o Partido Popular contra o nomeamento do director xeral de Recursos Humanos do Concello de Lugo, e lle impón aos populares as custas. O xulgado contencioso administrativo de Lugo sostén que “a Administración goza dunha potestade que resulta incuestionable, que é a de autorganizarse (…) para organizarse na forma na que considere máis oportuna ou máis conveniente para a súa maior eficacia, á que lle compete o mandato contido no art. 103.1 da Constitución”.
En palabras dos socialistas, o xulgado “tomba, unha vez máis, os intentos do PP de Lugo de xudicializar a vida política municipal, que usa como táctica e estratexia permanente de ataque contra o Goberno local”, segundo sostivo o Concelleiro de Persoal, Daniel Piñeiro, quen lembrou a cantidade de ocasións nos que se lles pediu prudencia aos populares.
A sentenza aclara que o posto de director de Recursos Humanos “non pertence á burocracia profesional que está composta por funcionarios públicos”, polo que non é un provisión dun posto de traballo directivo polo sistema de libre designación que require de convocatoria pública e a selección dos candidatos baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade”.
O Goberno local pide agora que o PP se desculpe publicamente por intentar desprestixiar ao director de Recursos Humanos, a pesar de seu “prolixo currículo vitae” pero tamén ao persoal da Asesoría Xurídica e o secretario xeral do Pleno, xa que o xulgado contencioso administrativo apuntala os seus informes.
O Concelleiro de Persoal volveu a pedirlle, unha vez máis, prudencia ao PP e lembra que esta é a segunda sentenza en quince días que “tomba os seus intentos de xudicialización da vida municipal”. A última sentenza deulle a razón ao Concello no caso Ubaser, “que os populares utilizaron como artillería política”.