A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns na Sala de Exposicións Porta Miñá a XVII Mostra de Teatro Clásico, que acollerá o Auditorio Municipal Gustavo Freire do 3 de febreiro ao 19 de marzo.
Esta mostra inclúe ademais dunha sección oficial de representacións, unha sección off, con actividades na rúa ou espectáculos de pequeno formato. Este último programa terá lugar dende o luns 30 ao venres 19 de marzo en diferentes lugares da cidade, ademais do auditorio.
Durante a presentación, a edil explicou novidades desta edición, entre as que salienta a representacións de clásicos teatrais para público en xeral en diferentes prazas e lugares da cidade.
Carmen Basadre, quen convidou a toda a cidadanía de Lugo a asistir, anunciou os prezos para asistir ás funcións teatrais, que un ano máis se manteñen. Na zona A serán 10 euros e na zona B, 8 euros, que contarán con desconto do 20% para persoas desempregadas, menores de 30 anos, pensionistas e artistas membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. As obras do programa off terán un prezo único de 5 euros e non entrarán nos bonos, que se estableceron para as 5 funcións da sección oficial, e que custan 35 euros.
Os bonos poderán mercarse dende hoxe e ata o 31 de xaneiro a través do portal web www.entradaslugo.es e as entradas a través desta mesma plataforma tamén dende hoxe e ata 3 horas antes de cada función. Así mesmo, poden adquirirse no auditorio, os venres entre o 3 de febreiro e 19 de marzo, das 18:00 ás 21:00 horas, e o día da función dende unha hora e media antes do comezo do espectáculo, e no Centro de Interpretación da Muralla. As persoas que adquiran entrada con desconto deberán acreditarse na porta de acceso.
Programación
O programa da sección oficial inclúe cinco representacións, La asamblea de las mujeres, Trabajos de amor perdidos, Barataria, A voz humana e Soño dunha noite de verán. Todas as funcións terán lugar ás 20:30 horas.
Ademais, o sábado 18 de marzo, ás 20:30 horas, no auditorio actuará o Teatro Negro Nacional de Praga con La flauta mágica de Mozart, unha actividade organizada por Gestión Cultural Art Music Agency. As entradas para esta función están a venda a través de Ataquilla.com dende 16 euros.
Teatro Clásico máis Puro Sabor
Nesta edición da mostra, e por terceiro ano consecutivo, mestúrase teatro e gastronomía, xa que 10 restaurantes da cidade crearán unha tapa inspirada nas obras teatrais que se representen no auditorio.
Neste senso, a edil aclarou que as primeiras 50 persoas que compren un bono a través de www.entradaslugo.es e as primeiras 20 que o fagan no auditorio, así como as 50 primeiras persoas que adquiran unha entrada a través da plataforma electrónica e as primeiras 20 que o fagan no auditorio recibirán un vale que será canxeable por unha tapa.