ABANCA, a súa obra social, Afundación e o Concello de Becerreá asinarán o vindeiro luns 17 de xuño, ás 10.00 h na Casa Consistorial, un convenio de colaboración cultural mediante o cal as tres entidades desenvolverán a exposición Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX. Asistirán á sinatura o alcalde do Concello de Becerreá, Manuel Martínez Núñez; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez Rodríguez; e a coordinadora Institucional para Ourense e Lugo de Afundación, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar do 23 de xullo ao 21 de agosto na Sala de exposicións da Casa da Cultura de Becerreá (Rúa Eulogio Rosán, s/n), de luns a domingo en horario de 17.00 a 21.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.