A Sala de exposicións da Casa da Cultura de Vilalba (praza Suso Gayoso, s/n) acollerá mañá, xoves 9 de novembro, ás 20.00 h, a inauguración da exposición «Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson». Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Vilalba, ABANCA e Afundación e ao acto de inauguración, que inclúe unha visita guiada, acudirán o alcalde do Concello de Vilalba, Agustín Baamonde Díaz; o director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez Álvarez; o director de zona de ABANCA Lugo Oeste, Óscar Salgado Seijas; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Ourense e Lugo, Alberto López Sánchez; e a coordinadora institucional de Afundación para Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A exposición, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 9 de decembro na Casa da Cultura de Vilalba de luns a venres en horario de 11.00 a 13.00 h e de 17.00 a 20.00 h e os sábados de 11.00 a 13.30 h.