Abanca, condenada á devolución con intereses do anticipo dunha vivenda non entregada

A entidade herdeira das antigas caixas galegas Abanca, ven de ser condenada á devolución dun anticipo de pagamento para a compra de vivenda en construción, así como ao pagamento dos custos procesais e intereses correspondentes dende o abono do anticipio. O fallo estima por completo a demanda presentada por unha persoa compradora representada por Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores.

A sentenza sinala que Abanca terá que pagar, xa que logo, 50.000 € á persoa demandante en concepto de anticipo da vivenda, ao que haberá que sumar os correspondentes intereses legais dende a data de cargo en conta do ingreso, alén dos xa mencionados custos procesais.

Na sentenza, a xuíz recolle a xurisprudencia ao respecto emanada do Tribunal Supremo con base na Lei de Vivenda de 1968 que, se ben na actualidade foi derrogada, atopábase vixente no momento en que se produciron os feitos que motivaron este preito. Neste sentido, o Tribunal Supremo ten interpretado reiteradamente que non poden caer sobre o comprador nin as consecuencias do incumprimento por parte da promotora das súas obrigas, nin as derivadas do incumprimento por parte de entidades bancarias. Ademais, a sentenza lembra que as entidades de crédito depositarias de cantidades económicas provenientes de particulares para a compra de vivendas en construción non teñen o carácter de terceiros alleos á relación entre o comprador e o promotor ou vendedor. De feito, teñen a obriga de colaboraren activamente para que este último cumpra coas súas obrigas legais.

No mes de novembro, a Audiencia Provincial de Pontevedra xa condenara á mesma entidade, Abanca, ao abono con intereses dos anticipos por dúas vivendas non entregadas a outros particulares en Lalín, nun caso onde tamén  o mesmo bufete exerceu o labor de representación dos consumidores. Estas dúas sentenzas confirman a protección legal ás persoas que arriscan cantidades económicas para a adquisición dun ben fundamental como é a vivenda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com