A reunión prevista para o próximo xoves entre os pais afectados polo peche da gardería do Sagrado Corazón e responsables de Afundación para manter aberta a escola infantil non vai contar coa presenza do presidente de Afundación e Director Xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de Abanca, Miguel Ángel Escotet, tal e como se lles anunciara aos representantes dos pais e a a directiva da Asociación de Veciños “Porta de Lugo”.
Os representantes dos pais manifestaron nun comunicado “os pais consideramos que ABANCA está manipulando os datos para desfacerse dunha gardería, que queren pechar os centros e desfacerse das empregadas, deixando de lado o problema da natalidade e problemas de conciliación familiar” e engadiron “pedimos tanto ao concello, grupos municipais e á Xunta que intenten parar o peche da gardería do Sagrado Corazón. Que deteñan o intento de ABANCA de manipular a xunta do Padroado da Fundación na que están representadas Xunta, Parlamento, cidades e deputacións e que tería que ser o encargado de consensuar o peche da gardería ou calquera centro da obra social”.
Pola súa banda o Presidente da Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, José Manuel Carballo, manifestou a Xornaldelugo que existe un grande malestar entre as familias afectadas e os veciños pola negativa de Escotet a reunirse con eles tal e como estaba previsto e non desbota a idea de comezar a realizar accións reivindicativas para conseguir que a gardería do Sagrado Corazón continúe aberta.