O Concello de Foz acaba de asinar esta mañá un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica Auga. O sangue da terra, de Manuel Valcárcel. Esta colaboración é parte do proxecto Corrente Cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
O alcalde do Concello de Foz, Javier Jorge Castiñeira; o coordinador de Negocio Institucional en Ourense e Lugo de ABANCA, Alberto López Sánchez; e a coordinadora institucional para Ourense e Lugo de Afundación, Beatriz Fernández-Anguiano, foron as persoas encargadas de ratificar, mediante rúbrica, a colaboración das entidades. Auga. O sangue da terra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar do 4 ao 29 de xullo na Sala de Exposicións do Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) de Foz de luns a sábados en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.