Por se a presenza de varias arquetas deficientemente seladas non fora perigo dabondo, Lugonovo traslada ao executivo local a existencia de moitas outras “trampas” para viandantes na contorna da Abella. “Dende un foso aberto de grandes dimensións, pegado ás traseiras dos edificios de Aquilino Iglesias Alvariño, que só está cuberto cun palé e acordoado cunha cinta de protección civil até a ausencia dun balaústre na beirarrúa que impida aos peóns caer ao soar contiguo. Este barrio semella un campo de minas para a cidadanía que, pise onde pise, atópase a cada paso cun novo perigo”, advirte Cristina Pérez Herráiz.
A portavoz do Grupo Municipal, Cristina Pérez, traslada a preocupación da veciñanza que en días pasados se puxo en contacto coa formación para denunciar as eivas, en materia de seguridade, das que adoece esta parte da capital.
“A pesar de que a finais do ano pasado se instalaron 62 metros de baranda na rúa Lamas de Prado o executivo optou por deixar sen ningún tipo de protección xusto o tramo que presenta un desnivel máis pronunciado entre a calzada e o predio que está ao seu carón e onde tamén se rexistra un maior deterioro do pavimento, o que pode propiciar tropezos. Falamos duns terreos que se frecuentan a diario non só polo público que acode ao cine no Centro Comercial próximo senón tamén polo alumnado que estuda nos centros educativos das inmediacións. Pequenos, persoas maiores, que a primeira hora da mañá e sobre todo a última da tarde, é dicir, cando se rexistra menos luz, atravesan a parcela sen apenas visibilidade asumindo infinidade de riscos”, subliña Pérez Herráiz.
A voceira da agrupación insta ao equipo de goberno a atender os problemas da cidade “coa seriedade e eficacia que requiren, priorizando sempre o benestar e a salvagarda da poboación. Polo que, á vista da situación na que se atopan moitos enclaves da Abella, consideramos urxente que se supervisen os espazos antes mencionados e se artellen axiña as solucións que garantan a integridade física dos transeúntes nos seus desprazamentos pola zona. Medidas que, agardamos, non tarden tres anos en chegar como sucedeu co peche en precario das tubaxes que ocupan a leira do antigo matadoiro”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.