A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, supervisaron estes venres o remate das obras da rúa Soto Freire, que dende hoxe está aberta ao público cunha nova imaxe tras a súa renovación. Trátase dunhas actuacións enmarcadas dentro das tarefas da fase I do Vello Cárcere, para convertelo nun centro cultural e que abrirá as súas portas nas vindeiras semanas.
Tal e como manifestou a rexedora, “esta é unha obra máis coa que recuperamos un espazo público para o seu público e coa que Lugo gaña unha nova zona peonil e camiña cara un novo futuro, marcado por converterse nunha cidade sostible, accesible e pensada para as persoas, na que ter espazos para gozar de Lugo”.
Os traballos consistiron no cambio do pavimento, na colocación de arboredo e na creación dun itinerario accesible, de baldosa de granito, de tal xeito que se garantice o tránsito das persoas con diversidade funcional por este emprazamento, eliminando as barreiras urbanísticas que supoñían o anterior modelo de rúa. Este itinerario accesible, que transcorre a carón da Estación de Autobuses, súmase aos realizados na Praza Maior, da Soidade e Pío XII.