Aberto ao tráfico en dobre dirección o acceso ao casco histórico por Bispo Aguirre como paso previo á instalación do lector de matrículas

O acceso ao casco histórico pola Porta de Bispo Aguirre xa está aberto desde esta mesma mañá en dobre dirección unha vez que finalizaron as obras de remodelación e reordenación deste espazo e que comezou a funcionar a nova rede semafórica que controlará a zona.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou esta actuación, coa que se estableceu neste acceso dous carrís diferenciados: un de entrada, que transcorrerá pola marxe dereita, e outro de saída, pola esquerda da rúa e máis próximo á Muralla, que estarán regulados por semáforos. Esta obra na Ronda da Muralla coa rúa Vilalba é a de maior entidade das que se desenvolverán no proxecto de modernización dos accesos rodados ao casco histórico, coas que se substituirán os bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas co fin de axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia dos vehículos na zona amurallada.

Os pasos seguintes serán actuar na Porta de Santiago, obras que se inician mañá, pero que son de menor entidade, e a instalación das cámaras, que quedarán colocadas este mesmo mes a modo de proba. O novo sistema manterá as seis zonas de control de acceso existentes: a porta bidireccional da Rúa do Progreso; as portas de saída na rúa Amañá e Praza da Constitución e as de entrada en Luis Peña Novo, Porta de Santiago e na confluencia de Rolda da Muralla con rúa Vilalba. Esta última pasa a ser de dobre dirección ao igual que Porta Miñá.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com