O Goberno da Deputación mantén aberto ata o venres o prazo para participar no Musiqueando, o programa dotado con 100.000 euros, co que o Executivo Provincial promociona a música popular na provincia, así como a creación de corais, bandas ou grupos tradicionais. O Musiqueando está dirixido a Concellos, asociacións ou comisións de festas, para a contratación de bandas de música, grupos corais e grupos de música tradicional, que teñan residencia na provincia de Lugo e que estean legalmente constituídas.
Os Concellos, asociacións ou comisións que queiran participar nesta programación teñen ata o vindeiro 31 de marzo. Na www.deputacionlugo.gal hai habilitado un espazo con toda a documentación a presentar no Rexistro Xeral da Deputación ou ben en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.
O Goberno da Deputación asumirá o 80% dos custos de cada actuación e o 20% restante, será achegado polos Concellos, asociacións ou comisións, que soliciten ditas actuacións. A achega do organismo provincial, que dependerá do número dos integrantes dos grupos de música, é a seguinte:
Obrigas e compromisos
Os Concellos e entidades que soliciten as actuacións deberán cumprir con diferentes medidas, como organizar as actuacións velando polo seu correcto desenvolvemento, non facer ningunha modificación na actuación sen a autorización da Deputación, ou empregar o galego nos carteis anunciadores e en toda a propaganda que se faga do evento.
Pola súa parte, as bandas e grupos musicais deberán facer actuacións cun máximo de duración de hora e media, podendo levarse a cabo nun único pase ou pola contra en dous pases de 45 minutos cada un, e non poderán facer ningunha modificación na actuación sen o permiso da Deputación.