Aberto o acceso peonil subterráneo entre a Praza de Abastos e Santo Domingo

Mellorar o entorno e as potencialidades da Praza de Abastos e dinamizar o centro da cidade. Con este obxectivo ábrese o acceso peonil subterráneo entre o aparcadoiro de Santo Domingo e a Praza de Abastos, recentemente modernizada. Así o quixo deixar claro a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no día da apertura deste pasadizo, que contribuirá a potenciar as compras, tanto no mercado como na praza, xá que permite aos veciños e veciñas aparcar en Santo Domingo e achegarse á praza de xeito máis rápido e cómodo, ao ser un pasadizo cuberto.

“Sempre falamos de que as persoas teñen que estar no centro de todas as políticas e así estamos a traballar dende o Concello e así traballou o Goberno anterior, pois esta actuación e a conclusión e o complemento das obras iniciadas anos atrás”, asegurou Méndez, quen lembrou que o Goberno prioriza o humanismo, recuperando espazos para e por as persoas, como a apertura deste pasadizo, cuxo importe en proxecto era de 124.300 euros, á marxe das excavacións previas e restauración.

Este acceso, que terá o mesmo horario que a praza, de 07:00 a 20:00 horas de xeito ininterrompido, serve tamén para poñer en valor in situ os restos da calzada romana que se atoparon, dignificando e abrindo o patrimonio local. Para facilitar a entrada de luz abríronse uns lucernarios que dan á rúa, o que posibilita ver os restos dende a Praza de Santo Domingo. Ademais, esta actuación é un paso máis na execución dos fondos URBAN, que iniciou o Goberno anterior, “tan importantes para o desenvolvemento da cidade, que puxeron en valor a zona intramurallas, o ámbito de actuación do URBAN”.

Ademais dun espazo máis moderno, a partir de hoxe os e as lucenses teñen un motivo máis para achegarse á Praza de Abastos, a comunicación con este vial, cuxa luz natural, os troncos de bidueiros e os restos que podemos contemplar in situ, apórtanlle atractivo á Praza. O Goberno cree que esta modernización da Praza suporá un motor comercial para a cidade, cun edificio renovado pero coa esencia dun mercado tradicional, de comerciantes locais e con produtos de calidade. Nesta liña, o Goberno busca convertela nun espazo de vangarda, que lle aporte un valor engadido á cidade e que mellore tanto o posicionamento dos seus negocios como o desenvolvemento da economía local.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com