O Concello de Lugo informa de que durante o período comprendido entre hoxe, día 6 e o día 13 de abril, ambos os dous inclusive, permanece exposto ao público o censo electoral co obxecto de que todos os veciños empadroados no concello de Lugo, poidan comprobar a súa correcta inscrición nas listas de votación e en caso de erro, poder facer as reclamacións oportunas.
A consulta das listaxes, que se deberá realizar persoalmente, é un trámite necesario e convinte para toda a cidadanía como garantía do seu exercicio de dereito ao voto nas vindeiras eleccións municipais, convocadas para o próximo 24 de maio. Nesta ocasión, a consulta da inscrición do censo ten especial relevancia por terse realizado unha modificación importante na ubicación dalgunhas mesas electoriais.
O censo electoral, pechado con data 1 de xaneiro de 2015, pódese consultar todos os días. Durante as xornadas laborais permanecerá exposto nas Oficinas municipais da Ronda da Muralla, e durante a fin de semana exporase na Casa do Concello, con horario de nove da mañá a dúas en días laborais e de dez a dúas o sábado día 11 e domingo 12 de abril.