O Concello de Lugo abriu este martes o prazo para matricularse nas actividades deportivas para maiores que se impartirán nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras. Así o anunciou esta mañá o Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, quen lembrou que “o prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro xoves nas dependencias administrativas da piscina de Frigsa”.
Os interesados deberán aboar 7,90 euros para formalizar a matrícula anual. As piscinas das Pedreiras acollerán ximnasia para maiores todos os martes e xoves e natación todos os venres en 4 quendas diferentes: de 09:30 a 10:15, de 10:15 a 11:00, de 11:00 a 11:45 e de 11:45 a 12:30 horas. O número de prazas é de 30 por cada quenda.
Doutra banda, na piscina de Frigsa os maiores de 65 anos poderán facer ximnasia o martes e o xoves en 5 quendas diferentes: de 09:30 a 10:15, de 10:15 a 11:00, de 11:00 a 11:45, de 11:45 a 12:30 horas e de 12:30 a 13:15 horas. Nestas mesmas instalacións tamén poderán practicar a natación todos os venres en quendas de 45 minutos dende as 10:15 ás 13:15 horas. O número de prazas é de 40.