Aberto o prazo de preinscrición nos ciclos do Centro de Formación Audiovisual da Deputación

Dende mañá luns e ata o vindeiro 3 de xullo está aberto o prazo de preinscrición nos ciclos superiores de Produción e Realización para o curso 2020-2021 do Centro de Formación Audiovisual (CFA) da Deputación de Lugo, a antiga Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC.

Os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparán na web www.deputacionlugo.gal ou no propio centro. A documentación debe entregarse na sede do CFA, na rúa Frei Plácido Lemos s/n de Lugo.

A matrícula será gratuíta por décimo terceiro curso consecutivo, agás para os repetidores. A Deputación segue apostando así por un ensino de calidade e en igualdade de condicións para todos os rapaces e rapazas lucenses interesados en formarse no eido audiovisual.

A Deputación ofrece 20 prazas para cada un dos ciclos, aínda que este número queda condicionado pola evolución da Covid-19, así como a organización das clases en quendas de mañá e tarde, co obxectivo de garantir a seguridade do alumnado e do persoal do centro formativo.

Calendario e requisitos

O 7 de xullo publicarase, no taboleiro de anuncios do centro e na web da Deputación, a listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos. Do día 8 ao 10 será o prazo para as reclamacións, e o día 14 publicarase a lista definitiva de admitidos, en espera e excluídos. A matrícula ordinaria poderá formalizarse do 15 ao 30 de xullo no centro educativo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

No caso de que haxa máis demanda ca número de prazas, a prioridade para a matriculación será a seguinte: solicitantes con titulación de bacharelato que se determine para cada ciclo; titulación dunha modalidade de bacharelato distinta; de técnico superior; e universitaria. Dentro de cada colectivo darase prioridade a quen se matricule por primeira vez no ciclo; quen teña a maior nota media no expediente académico; e ao sexo menos representado no ciclo formativo solicitado na matrícula do curso anterior.

550 titulados cunha formación personalizada

Desde a posta en funcionamento da antiga Escola de Imaxe e Son en 2003, arredor de 550 mozos e mozas son titulados dos ciclos de Produción e Realización do centro dependente da Deputación. O seu modelo formativo inclúe un importante número de prácticas en escenarios reais ao longo de todo o curso, nas que o alumnado se enfronta ás esixencias que atopará cando acceda ao mercado laboral. Os grupos dos ciclos son pouco numerosos, o que permite unha formación personalizada. Ademais, o CFA conta cun profesorado altamente cualificado apoiado por técnicos profesionais con ampla experiencia no eido audiovisual, e unhas instalacións e dotacións modernas, con platós e salas de realización e son.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com