Aberto o prazo de solicitude das axudas do Renove Automoción

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de solicitude das axudas do programa Renove Automoción, que conta cun orzamento que triplica o da edición anterior, 2,5 millóns de euros, para apoiar a compra de preto de 1100 vehículos enerxeticamente eficientes por parte de cidadáns e empresas.

As axudas son de concorrencia non competitiva —por orde de chegada das solicitudes— e tramitaranse a través das entidades colaboradoras que, neste momento, ascenden a 74. Oscilarán entre os 3000 e os 4000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2000 e 3000, respectivamente, e o concesionario 1000. A contía increméntase nun 20 por cento para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3400 e
4600 euros.

A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. Será requisito imprescindible que o titular do novo vehículo acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de, polo menos, 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas. Pódense beneficiar destas axudas tanto particulares —que poderán adquirir un único vehículo— coa súa residencia habitual en Galicia como autónomos e empresas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade, que poderán mercar un máximo de 10 unidades. En todos os casos, as axudas serán válidas para vehículos adquiridos nas entidades  colaboradoras desde o pasado 1 de xaneiro.

Entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade –o parque móbil galego ten unha media de 14 anos– por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire. A Xunta espera mobilizar 26 millóns de euros e favorecer unha redución de custos de 300.000 euros anuais, así como un aforro enerxético equivalente a 274.000 litros de gasóleo. Ademais, a redución de emisións de CO2 será similar á acción de plantar 36.000 árbores.

Trátase da terceira edición deste programa que, ata o momento, destinou un total de 1,8 millóns de euros para apoiar a adquisición de 759 vehículos. Esta nova convocatoria do Renove Automoción complementa o plan Moves, un programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica que xestionan as comunidades autónomas e que tamén cumpre a súa a terceira edición. Neste caso, apoia a adquisición de vehículos eléctricos e de infraestruturas de recarga.

Tanto o Renove Automoción como o Moves III contribúen a incentivar a demanda de vehículos máis eficientes e, en consecuencia, a impulsar a mobilidade sustentable e a competitividade do sector da automoción.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com