Do 13 ao 23 de abril poderán inscribirse as persoas interesadas en participar nas VIII Xornadas de abordaxe integral de violencia de xénero no ámbito local, que versarán sobre Violencias sociais, mulleres precarias, mulleres á deriva. A cita, que terá lugar os días 24 e 25 de abril, foi presentada esta mañá no Concello.
A edil de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, indicou que “o contexto de crise económica actual e as graves consecuencias sociais que ven provocando está a producir efectos devastadores en moitos sectores de poboación e de forma moi particular na vida das mulleres. Nesta coxuntura a configuración desta violencia estrutural é tan sutil que moitas mulleres están a sufrir situacións de grave precariedade laboral, social e de condicións indignas de vida. Mentres non sexamos quen de frear a desigualdade a violencia contra as mulleres non deixará de medrar. Ante todo isto, a Comisión Interinstitucional de violencia de xénero de Ribadeo, como ente organizador destas xornadas, quere convidar aos profesionais e á cidadanía en xeral a compartir tempos e espazos de debate conxuntos, que nos permitan facer visibles os arquetipos de dominación masculina neste contexto de crise”.