O Concello de Lugo ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar na segunda edición de Gastroarte, a feira de artesanía e gastronomía que pon en marcha a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua para promover os produtos gastronómicos e artesáns lucenses aproveitando a afluencia de visitantes á capital durante os días de celebración do San Froilán, Gastroarte, que contará con 50 postos, celebrarase no paseo central da Avenida Ramón Ferreiro entre os días 3 e 12 de outubro, en horario de 11:00 a 00:00 horas os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro, e de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 23:00 horas os días 6, 7, 8 e 9 de outubro.
Todos os interesados poden presentar xa as súas solicitudes de participación, tal e como se indica nas bases publicadas o pasado xoves, 20 de agosto, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo será de 30 días hábiles e deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello, na Ronda da Muralla nº 197, ou ben por correo ordinario.
Os prezos establecidos que terá que pagar cada posto son 472 euros polo prezo público de uso do stand; 243,79 euros pola taxa por ocupación de vía pública recollida na Ordenanza Fiscal número 152; e 100 euros en concepto de fianza.
Máis información na web www.lugo.gal