A Deputación de Lugo abriu o prazo de solicitude das subvencións de concorrencia competitiva para entidades e clubs deportivos da provincia, dotadas con 500.000 euros. Así o comunicou o deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, que subliñou que “para concorrer a estas axudas, destinadas a financiar actividades federadas, eventos deportivos puntuais ou citas con carácter permanente; habilitamos na páxina da Deputación un espazo no que se atopa toda a información sobre estas axudas; así como a documentación que se debe presentar para optar a elas”.
O prazo de solicitude remata o vindeiro día 7 de setembro, inclusive. Cómpre salientar que o Goberno da Deputación decidiu ofrecer ás entidades e clubs deportivos da provincia que finalmente resulten beneficiados un anticipo da axuda do 80%.
Como novidade, incluíronse por vez primeira, criterios sociais nas bases destas subvencións, como medidas en impulso á igualdade e á integración; ou en recoñecemento ao esforzo competitivo dos clubs. Ademais, valorarase positivamente, aos equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén a aqueles que sexan de localidades pequenas, de Concellos de menos de 2.000 habitantes, especialmente do rural.