Este luns abre o prazo para solicitar as bolsas para deportistas de modalidades individuais que convoca a Deputación de Lugo. O pazo de solicitude das achegas, que oscilan entre os 300 e os 2500 euros, comeza este luns 28 de marzo e rematará o 8 de abril.
Segundo se detalla na convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia este sábado, convócanse un total de 185 bolsas, que teñen como obxectivo fomentar a participación continuada e progresiva dos deportistas lucenses de base nas distintas disciplinas, recoñecendo os seus logros e favorecendo o progreso na súa formación integración integral.
O deputado de Deportes sinalou que “coas axudas tratamos de contribuír a financiar os custos que lles supón a estes deportistas acudir ás probas e tamén incentivar e recompensar o seu esforzo por mellorar a nivel deportivo, especialmente nas etapas de iniciación, que son o principal obxectivo desta liña de apoio ao deporte” e explicou que “como vimos facendo habitualmente, para impulsar a igualdade no deporte, as bases recollen incentivos para a participación feminina”.
Para poder optar aos premios é requisito indispensable ter residencia en calquera dos municipios da provincia de Lugo, e polo tanto, estar empadroado ou empadroada nalgún destes municipios dentro do prazo de presentación de solicitudes. Ademais, as persoas solicitantes deben estar en posesión a ficha ou licenza federativa durante o ano 2021 e manter na data de presentación de solicitudes (ano 2022) a ficha ou licenza oficial na disciplina ou modalidade deportiva para a que se solicita o premio.
Resérvase expresamente unha porcentaxe mínima do 7% deses 185 premios para deportistas con capacidades diferentes, é dicir, un total de 13 premios que de non seren cubertos, pasarían automaticamente ao resto de deportistas solicitantes.
As contías asígnanse en función dos resultados deportivos acadados en probas e campionatos en cada nivel de competición, desde os campionatos provinciais ata as olimpíadas, ao longo de 2021.