O Concello informa de que xa se poden solicitar as subvencións para clubs, entidades deportivas e as axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo, trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Para estas dúas liñas de axuda destínanse un total de 154.000 euros, co fin de promover e fomentar a práctica deportiva no termo municipal.
A entidade local destina 130.000 euros para os clubs, entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro. Poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións e ter tramitadas e en vigor ante a Federación correspondente un mínimo de 10 licenzas. Non se admitirá máis dunha solicitude por club, asociación ou entidade. A concesión das axudas, así como a súa cuantificación económica, dun máximo de 7.500 euros, efectuarase tendo en conta o número de deportistas federados, o número de deportistas femininas federadas e a traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, entre outros. Serán gastos subvencionables, gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade tales como licenzas, material ou gastos de desprazamento, entre outros; ou gastos de persoal necesario para o desenvolvemento de actividades.
O Concello tamén destina 24.000 euros axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo. Terase en conta o talento deportivo ao longo do ano anterior á publicación destas bases, que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como deportivo. Os solicitantes deberán ser deportistas afeccionados nados entre 1997 e 2002, estar federados nun club do concello e estar empadroados no municipio.
Todos os interesados en calquera destas liñas de axuda poden presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP, que foi remitido este sábado, 20 de novembro, pola Base Nacional de Subvencións. As bases están publicadas no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello www.lugo.gal.
Outras Axudas
O Concello recorda que tamén se atopa aberto o prazo para solicitar outras subvencións municipais, como as destinadas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro de carácter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente, ata o 24 de novembro, ou as axudas para gastos de transporte en taxi adaptado, ata o 29 de novembro, e as subvencións para entidades xurídico-privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido dos servizos sociais, ata o 1 de decembro.