A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, anunciou onte que xa está aberto o prazo para participar nos procesos de selección de 9 novos postos de traballo do DepuEmprego, o programa de creación de emprego da Deputación para Concellos de menos de 20.000 habitantes. Neste caso, trátase de 2 postos de operarios de servizos múltiples, no Concellos de Bóveda; e de 7 postos no de Viveiro: informático/a, socorrista, electricista, 2 postos de administrativo e 2 de peóns. O requisito indispensable para poder optar a unha destas prazas é o de estar apuntado como demandante de emprego no INEM.
No Concello de Bóveda ofértanse, a través do DepuEmprego, 2 postos de operarios de servizos múltiples. Para concorrer, as persoas interesadas poderán enviar as súas solicitudes ata o vindeiro 7 de setembro.
No Concello de Viveiro son 7 postos de traballo: 2 postos de administrativo/a, 1 informático/a, 1 socorrista, 1 electricista e 2 postos de peón. O prazo para solicitar calquera dos postos ofertados, as persoas interesadas poden facer a súa demanda ata o 4 de setembro.
Os interesados deberán dirixirse aos correspondentes Concellos para os trámites de concorrencia, pois son os encargados de levar a cabo os procesos de selección dos candidatos, que comezarán tras o peche de recepción de solicitudes. Máis información no BOP e no banner de emprego da páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal.