Esta mañá abriu ao tráfico a esquina de San Roque logo das obras que permitiron erradicar os espazos que resultaban insalubres ou entrañaban situacións de perigo para a veciñanza como podía ser a propia pasarela de acceso aos establecementos comerciais.
Os Traballos realizados permitirán que o fluxo peonil da Rolda da Muralla teña a súa continuación cunha beirarrúa de 4 metros de ancho que conecta co espazo que dá acceso ao edificio lindeiro cara a rúa Montero Ríos, ao tempo que o tráfico rodado veuse tamén mellorado co ensanche da rúa San Roque, incorporando un novo viario para o acceso ao Carril das Flores, onde coexiste o tráfico peonil e o rodado restrinxido, cun tratamento de firme diferente ao ser Camiño Primitivo. Neste caso, usouse granito con formigón desactivado, seguindo as preferencias de Patrimonio.
Este tratamento diferenciado prolongouse ata o paso de peóns do inicio de San Roque, para que o acceso rodado fora máis gradual. Así mesmo, o Carril das Flores ten agora un ancho aproximado de 6 metros na súa zona máis ampla, e de máis de 4 metros na zona de acceso desde a Rolda da Muralla.
Alén disto, os muros que se xeraron pola diferencia de cota que se produce entre Carril das Flores e a Rolda da Muralla revestíronse de sillería de pedra para integralo na súa contorna, mentres que o muro lindeiro do Carril das Flores máis próximo á futura edificación resolveuse cunha varanda.
Entre outros detalles, a actuación contemplou obras de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa. Obras que afectaron ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal foi obrigada a realización das escavacións arqueolóxicas, sobre as que se exerceu un permanente e escrupuloso control.
Os traballos completáronse, así mesmo, coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria.