Abre o prazo de solicitude de axudas para mercar bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido para cadeiras de rodas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de abrir o prazo de solicitude das axudas para mercar bicicletas eléctricas, que nesta edición amplíase e abrangue tamén as de pedaleo asistido para cadeiras de rodas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade – Cogami Lugo para abordar os detalles da convocatoria deste ano, na que se subvenciona tanto a compra de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido como as de man híbridas ou eléctricas, mediante as que se dota unha cadeira de rodas que en termos de mobilidade ten características análogas ás dunha bicicleta eléctrica. Deste xeito facilítase a adaptación das cadeiras de rodas de persoas con mobilidade reducida.

Arias explicou que no conxunto da provincia de Lugo hai 12 establecementos adheridos repartidos por varios concellos (a listaxe completa dos locais adscritos en Galicia pode consultarse na páxina web da Consellería).

A convocatoria ten carácter bianual e as achegas poden pedirse ata o 15 de novembro do 2024 ou ata que se esgoten os 1,7 M€ de orzamento. Con carácter xeral, a Xunta achega ata o 50 % do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 €. No caso das familias numerosas, os incentivos cobren o 60 %, cunha achega tope de 600 €; e, de ser familia numerosa con categoría especial ou de mercar as bicicletas de man híbridas ou eléctricas, as axudas acadan o 70 % do custo, ata un máximo de 700 €.

Esta iniciativa ten por obxecto facilitar a compra de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido co fin de promover desprazamentos máis sustentables e saudables e fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte, lecer, turismo e deporte.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com