Abre o prazo de solicitudes dunha nova edición do Coñece a túa provincia

A Deputación de Lugo abrirá mañá, xoves 23 de xaneiro ás 12, o prazo de presentación das solicitudes para participar na quinta edición do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa provincia. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este mércores as bases da convocatoria desta tempada 2025, durante a que a institución provincial ofrecerá máis de 3.000 prazas.

Os colectivos terán ata o vindeiro 5 de febreiro para presentar a súa documentación no Rexistro Xeral da Deputación ou a través da sede electrónica, accesible na ligazón  https://sede.deputacionlugo.org/opencms/opencms/sede. As solicitudes presentadas serán admitidas por orde de presentación, segundo o número de rexistro de entrada ata esgotar as prazas dispoñibles. A relación de entidades admitidas, excluídas e en lista de agarda será publicada tamén no Boletín Oficial da Provincia.

Coñece a túa provincia mantén este ano os 44 itinerarios turísticos por toda a provincia e inclúe 7 rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida, reforzando o carácter inclusivo da iniciativa. As excursións concedidas cubrirán todos os aspectos necesarios para gozar dunha experiencia completa, incluíndo transporte, seguros de viaxeiros, menú de xantar, entradas a lugares de interese e a presenza dun guía oficial habilitado durante todo o percorrido.

Foto: Arquivo Coñece a túa provincia. Asoc. Cabalo Branco de Santiago de Cangas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com