Xa está aberto o prazo para solicitar a instalación de postos no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal. Ambas feiras de artesanía son organizadas para facilitar a comercialización de produtos artesáns e dar visibilidade ao sector.
As convocatorias, que se publicaron o pasado sábado no Boletín Oficial da Provincia, están abertas a artesás e artesáns da provincia cuxa produción sexa exclusivamente de creación e produción propia, e cuxo material responda ao proceso de transformación e elaboración dunha determinada materia prima. Así mesmo deben ter o obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxos produtos sexan exclusivamente de creación e produción propia.
No Artesanfroilán, que se celebrará do 3 ao 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, ofrécense 24 postos con horario de apertura de mañá e tarde. No Mercado de Nadal, previsto do 20 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza de San Marcos, ampliando dúas xornadas a instalación, contará con 14 casetas. A iniciativa do Nadal aumenta o seu horario e abrirá, excepto o 25 de decembro e o 1 de xaneiro, en horario de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, e só en horario de mañá o 24 e 31 de decembro.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto, en ambos casos, ata o 13 de maio.