Abril é o mes escollido polo colleiteiro Pedro Pérez González para a apertura dun furancho na súa vivenda de Trasmonte, Vilachá de Salvadur.
O Concello da Pobra do Brollón puxo en marcha esta posibilidade a través dunha ordenanza municipal en vigor dende xaneiro, co obxectivo de ofrecer a viticultores coma Pedro a venda directa do seu excedente.
Pedro, de 60 anos de idade, cumpre perfectamente este perfil de viticultor arribeirado. Criado en Trasmonte na tradición da viticultura do patao, a súa vida profesional tirou por outros carreiros, principalmente a construción, mais sempre mantendo as viñas da casa.
Unha actividade non profesional que agora ten a oportunidade de dar uns rendementos económicos, ou cando menos non xerar perdas. “Non podemos pretender que a ribeira sexa mantida pola paixón de viticultores que traballan a perdas ou malvenden a uva ás adegas,” sinala Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.
Os furanchos son establecementos regulados que ofrecen produtos moi definidos en períodos determinados do ano. A apertura do furancho será en abril ata o final do mes de xuño aínda que “se temos viño abondo poderemos pedir unha prórroga para o mes de xullo,” comenta Pedro Pérez, propietario do furancho.
O furancho, que recibirá o nome O Currio por ser o nome da casa na que se sitúa, abrirá na aldea de Trasmonte, na parroquia de Vilachá. A inauguración será o 2 de abril, aínda que xa está nas redes sociais, con perfís en Instagram e Facebook nos que se pode seguir as novidades do furancho.