A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez, e o presidente de COGAMI, Lolo Celeiro, presentaron hoxe o relatorio Visibilizar o invisible. Distintas formas de violencia cara as mulleres con discapacidade. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do calendario da programación para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, que terá lugar mañá, 21 de novembro, a partir das 19:30 horas, no patio do Vello Cárcere.
O Concello colabora con ACADAR nesta iniciativa, que busca promover a toma de consciencia das distintas experiencias que viven as mulleres con discapacidade no día a día. Reflexionarase sobre o procedemento de empoderamento para a toma do control das súas propias vidas dun xeito autónomo e satisfactorio, ademais de visibilizar os distintos tipos de violencia que se poden exercer sobre elas e os indicadores que facilitan unha maior sensibilización ante estas realidades.
Creando igualdade no IES Ánxel Fole
Asemade, os rapaces e rapazas do instituto Ánxel Fole puideron participar nunha innovadora actividade promovida polo Concello e a asociación sen ánimo de lucro Social Open Lab en colaboración con ComunicArte. Ana Abelleira achegouse ao centro, onde durante todo o día de hoxe deixaron o alumnado deixou de ser estudante do centro educativo para porse na pel dos creativos publicitarios responsables das campañas de prevención de violencia de xénero na mocidade.