Accidente laboral en Ribadeo

Minutos despois das sete tarde rexistrouse un accidente laboral, no que resultou ferido un operario ao que lle caeu unha árbore enriba mentres traballaba nunha zona de monte situada na parroquia de Santalla de Vilausende, en Ribadeo.

Trátase dun lugar de difícil acceso, polo que foron necesarios os medios de rescate para facilitar a atención do ferido, que presentaba lesións graves en ambas as dúas pernas.

Por iso, desde o CIAE 112 Galicia, pediuse a colaboración dos bombeiros de Barreiros, así como dos voluntarios de Protección Civil, que se serviron das coordenadas recibidas no 112 vía Whatsapp para chegar ao ferido e facilitar o seu traslado ata o lugar no que agardaba un equipo do 061-Urxencias Sanitarias.

Finalmente, o traballador foi trasladado ao centro hospitalario de referencia para ser atendido das feridas provocadas pola caída da árbore, que lle ocasionaron lesións de consideración nas pernas.

Cómpre salientar que nun primeiro momento, valorouse a mobilización do Pesca-II para executar o rescate por aire, pero, finalmente, o ferido puido ser evacuado coa axuda dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Barreiros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com