O Grupo AccorHotels, líder mundial en viaxes e estilo de vida, asinou un acordo de franquía co potente grupo de restauración Óktonal, do empresario lucense Dámaso Expósito Guerra, para a apertura dun hotel baixo a súa marca Mercure en pleno centro de Lugo.
O futuro hotel Mercure Lugo, que abrirá as súas portas a finais de 2019 na Avenida de Ramón Ferreiro, converterase no primeiro hotel da marca e o segundo do grupo en Galicia onde xa opera co hotel ibis Styles na Coruña.
O hotel, que terá categoría de catro estrelas, contará con 89 habitacións – das cales 5 suites – e 3000 m2 de espazo polivalente (entre salóns e xardíns) para albergar eventos, congresos, celebracións familiares, reunións…etc. Ademais, contará cun ximnasio, unha cafetería e restaurante con acceso desde a rúa e un aparcadoiro cuberto con 80 prazas.
Situado no centro da cidade, a 700 m da muralla romana, o novo hotel caracterizarase polo seu compromiso coa calidade e a sustentabilidade, en liña co programa de desenvolvemento sustentable de AccorHotels, Planet 21. A súa decoración terá un forte compoñente de inspiración local, tendo o bosque galego, moi arraigado na cultura lucense, como eixo.
Así mesmo poñerá en valor a recoñecida gastronomía de Lugo cunha firme aposta pola cociña de autor, seguindo os pasos dos restaurantes que Óktonal xa xestiona na cidade, como Os Carballos, Terras do Miño, 6 Landras e Rosalía de Castro O hotel, por tanto, terá como ambición converterse nun establecemento de referencia de calidade e modernidade, que potencie a cidade e xerando emprego directo para un equipo de 30 persoas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, xunto a outras autoridades, participou esta mañá na presentación de Mercure onde aproveitou a súa intervención para felicitar aos promotores por esta iniciativa que permite seguir ampliando na cidade as prazas hoteleiras de calidade e cos mellores servizos. “Ademais desde a Xunta sabemos que cada proxecto de emprendemento pon de relevancia o talento, a capacidade, a innovación, a experiencia e a traxectoria profesional de quen, como os promotores, apostan por máis e mellores servizos turísticos, e todos estes elementos son craves para potenciar a Marca Galicia”