ACE acusa ao Concello de “tenderlle unha trampa” ás Anpas no caso dos comedores

O grupo de ACE-Esquerda Unida denuncia que a proposta feita polo goberno local ás Anpas para solucionar a situación irregular na que se atopan os nove comedores escolares da cidade que eran de titularidade municipal é un “contrato-trampa”. Segundo a formación consiste na firma dun contrato de tres meses (setembro a decembro) automaticamente prorrogable o resto do curso entre as ANPAS e a mesma empresa que leva máis dunha década prestando o servizo sen contrato.

“As nais e pais só contan co compromiso verbal do concelleiro Manolo Núñez, que xa demostrou tanto en Pleno como en diferentes Comisións e reunións oficias que minte máis que fala, de que será o Concello de Lugo quen se faga cargo dos comedores escolares a partir de xaneiro”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.  Para o grupo municipal de ACE-EU trátase como mínimo dunha “aberración administrativa” que o propio goberno local dirixa ás ANPAS para que contraten coa mesma empresa que prestaba o servizo de xeito ilegal e ademais baixo as mesmas condicións.

“En todo caso as ANPAS terían dereito a buscar e escoller libremente a compañía que desexen e a negociar coa mesma as condicións do servizo e os prezos dos menús, ata o momento prohibitivos para moitas familias e impostos liñalmente pola empresa sen ningún tipo de amparo legal e sen ofrecer progresividade por nivel de renda”, remarcou o concelleiro de ACE-EU.  

Deste xeito, dende a formación reiteran a petición de dimisión do concelleiro de Educación Manuel Núñez. “Segue máis en pé ca antes se cabe, pois a súa última actuación evidencia unha clara toma de partido por unha empresa concreta, algo a todas luces incompatible cos deberes dun cargo público” subliñan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com