ACE ameaza con denunciar ante a Fiscalía a situación dos comedores escolares

O voceiro de ACE-Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, volveu pedir esta mañá a dimisión do concelleiro de Educación, Manuel Núñez e ameaza con levar a Fiscalía a situación na que se atopan os comedores escolares de titularidade municipal do concello.

Foi despois da comparecencia esta mañá en pleno extraordinario de Manuel Núñez para dar conta da situación na que se atopa este servizo, logo de que o grupo de ACE denunciase que a empresa que leva dez anos encargada dos comedores non conta con contrato coa administración local, carece de convenio e non aplica rebaixas nos prezos ás familias con menos renda.

Segundo Portomeñe o concelleiro insistiu en negar a responsabilidade e as competencias do Goberno local neste asunto pese a que en numerosos folletos o concello “presumía” da xestión deste servizo. Para o voceiro de ACE, Núñez está “tentando desentenderse da xestión dos comedores, poñendo así en perigo a continuidade dun servizo esencial con máis de cincocentas familias usuarias”.

“Estou escandalizado coa súa actitude, en tódolos anos que levo en política nunca vin a ninguén mentir tantas veces e tan seguidas e cambiar tantas veces de versión como Núñez desde que ACE-EU denunciou esta problemática”, salientou Portomeñe.

“Por iso nos vemos na obriga de pedir a súa dimisión e, xa que non vemos interese na regularización do servizo, reservámonos o dereito de acudir á fiscalía para informala debidamente dunha situación que a propia alcaldesa recoñeceu públicamente como irregular”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com