Parte da candidatura de Alternativa Cidadá de Esquerdas vén de reunirse coa Asociación contra a Violencia de Xénero “Si hai saída”, que leva tempo denunciando a “inoperancia da Casa da Muller e do persoal municipal en canto á protección das mulleres que sofren maltrato”.
“Esta organización ten constancia de que, lonxe de ser protexidas e apoiadas cun itinerario específico que teña en conta as especiais circunstancias das vítimas da violencia machista, as demandantes da axuda ao Concello sofren a falta de confidencialidade da súa situación, procesos humillantes e culpabilizadores na tramitación de subsidios económicos, dificultades e incluso actitudes disuasorias á hora de presentar denuncias e incluso a negación directa de auxilio”.
Por todo iso, ACE porá en marcha con carácter de urxencia un Plan Integral e Transversal de Atención e Prevención á Violencia Machista, que inclúa programas formativos e protocolos de actuación coherentes e coordinados dos empregados e empregadas de tódolos servizos municipais (traballadores e traballadoras sociais, Policía Local, psicólogos e psicólogas, xuristas, persoal de administración, etc.), “para garantir o trato digno e personalizado de cada caso e a protección inmediata e efectiva da vítima fronte ao seu agresor, coa sensibilidade e a rapidez de actuación requiridas, eliminando todo obstáculo burocrático ineficiente”.
Alternativa Cidadá de Esquerdas ten claro “que a alarmante situación das mulleres que sofren a violencia machista é só a punta do iceberg dunha sociedade que discrimina sistematicamente por razón de xénero, polo que situarán no primeiro plano do seu goberno a loita contra a mesma, “empezando por crear a Concellería de Muller, inexistente en Lugo, e cuia primeira medida será unha ordenanza municipal que eliminará a publicidade sexista que ateiga na actualidade a cidade e o emprego da figura da muller como obxecto de consumo”.
“O obxectivo desta Concellería non será só levar a cabo políticas específicas dirixidas a acadar a igualdade real entre homes e mulleres e a acabar coa discriminación por razóns sexistas, senón tamén coordinar políticas transversais realizadas dende o resto de Concellerías”.
De feito, ACE establecerá a dedicación mínima do 5% do total do orzamento municipal a execución das políticas referentes ás mulleres, para asegurar unha dotación de recursos suficientes, e contará cun Consello Municipal da Muller de carácter preceptivo e vinculante, para garantir que se ten en conta a perspectiva de xénero en tódalas políticas do Concello.
Outra das primeiras accións que esta a Concellería de Muller levará a cabo será o recoñecemento institucional da achega das mulleres ao logo da historia no desenvolvemento académico, cultural, investigador e político da sociedade, empezando pola feminización do rueiro da cidade.
Alternativa Cidadá de Esquerdas comprométese ao deseño de políticas paritarias no acceso á contratación funcionarial e laboral e á inclusión da perspectiva de xénero nos contratos que se suscriban con persoas e empresas alleas á administración municipal.”Ademais, impulsaránse políticas activas de emprego para a muller e pola igualdade salarial co home, ademais de potenciar fórmulas de creación de emprego local axeitadas ás mulleres desempregadas e dentro do marco da economía social”.