ACE convoca a todos os grupos municipais a unha xuntanza para axilizar o cobro do IBI á Igrexa

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida vén de solicitar unha reunión para o vindeira semana de todos os voceiros/as dos grupos municipais coa Concelleira de Economía, Ana Prieto Nieto, co fin de axilizar a aplicación do IBI á Igrexa, á vista dos puntos en común neste sentido amosados ao longo desta semana por parte de tódalas forzas políticas da corporación.

“Tendo en conta as intencións anunciadas polo equipo de goberno de gravar á Igrexa católica as propiedades con fins industriais e lucrativos, e que o departamento xurídico xa ten avanzado traballo con este obxectivo, segundo asegurou en rolda de prensa o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández; ACE-EU considera pertinente a celebración desta xuntanza dos voceiros coa responsable na materia, Ana Prieto, para coñecer de primeira man os pasos que o Concello xa está a dar e achegar as posturas de tódolos grupos para facilitar na medida do posible a aplicación deste imposto, clave para a consecución dunha auténtica xustiza fiscal na cidade”.

“O debate non se pode limitar ao pago da Igrexa polo aparcadoiro do Seminario, senón que debe centrarse en qué tipo de fiscalidade queremos para a nosa cidade: unha na que existan privilexios para determinados colectivos mentres a maioría social con ingresos reducidos debe taxas en moitos casos desproporcionadas para o seu nivel de ingresos, ou un modelo que poña por diante unha progresividade real no que paguen máis os que máis teñen e que permita aumentar os recursos do Concello para asegurar servizos de calidade e políticas de inclusión social”, aseverou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Neste senso, Portomeñe considera un precedente “moi perigoso o acontecido no anterior pleno ante a moción de propostas de progresividade fiscal presentada por ACE-EU, “no que se intentou descargar de forma interesada a responsabilidade de determinar a política impositiva municipal nos técnicos, cando é un deber dos políticos decidir o sentido e contido de tódalas ordenanzas fiscais; e no que se desbotaron as propostas do noso grupo en base a argumentos ambiguos como a extrema complexidade do asunto ou a dubidosa legalidade da vontade de cobrar o IBI a Igrexa, medida que suscitou a maior polémica e que agora parece ser fonte de acordos, cousa da que nos alegramos enormemente”.

Para ACE-EU sería convinte facer dita xuntanza extensible á revisión doutras taxas municipais e prezos públicos de urxente modificación. “Os nosos obxectivos de xustiza fiscal son moito máis ambiciosos. Sen saír fóra do IBI, buscamos aumentar a recadación local subindo o tipo difereciado do IBI ás grandes empresas e superficies comerciais, o que xeraría un notable beneficio que podería destinarse a sufragar moitos servizos recortados e a implementar novas axudas de emerxencia social para as familias con menores recursos”, explica Carlos Portomeñe.

ACE-EU quere aproveitar este encontro para tratar outras das súas propostas cuestionadas nos últimos días, como a de aumentar ata 3.500 euros a cuantía que o Concello cobra actualmente á banca polos caixeiros automáticos con acceso á vía pública, xa que actualmente Lugo só ingresa 284,23€ ao ano por cada caixeiro, a diferencia doutros municipios gobernados polo PSOE, como Ribadavia e O Carballiño, que ingresan dende hai tempo 2.920 euros por caixeiro ao ano, ou Viveiro, que vén de aprobar no pleno desta semana unha moción para gravar aos caixeiros con 3.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com