Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerd Unida chama a atención sobre a masificación no aparcamento municipal do edificio do Seminario Menor, onde tamén se atopan as oficinas administrativas do Concello de Lugo, cuxas prazas están destinadas ao uso dos traballadores e traballadoras municipais e dos membros da corporación. Debido á devandita sobre ocupación, son habituais as dificultades para circular e manobrar dentro do recinto, así como para saír do mesmo, pois se producen frecuentemente atascos coincidindo co remate da xornada laboral.
O grupo municipal ACE-EU cre que esta problemática é causada en gran parte pola falta de control no uso destas dependencias públicas, pois en máis dunha ocasión se teñen detectado vehículos aparcados totalmente alleos á administración local, e mesmo facendo un uso incorrecto das prazas marcadas e bloqueando o paso aos demais usuarios.
“Non é de estrañar que haxa overbooking no aparcamento municipal, se se permite o uso privado do mesmo. Para mostra o botón dun clásico xa “okupa” do parking público: un Mini Cooper que, ademais de entrar sen restricións nun espazo reservado a persoal municipal, estaba onte mesmo aparcado de xeito indebido. Polo respecto que mostra o dono ou dona deste automóbil ás normas básicas de civismo, non é de estrañar que exhiba símbolos preconstitucionais no seu capó”, ironizou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
ACE-EU preguntará oficialmente á alcaldesa na Xunta de Voceiros do vindeiro luns polos requisitos de acceso, funcionamento e control que se aplican no aparcamento do Seminario. O acceso ao devandito aparcamento obtense coa entrega do mando a distancia para abrir libremente o portal electrónico, polo que para ACE-EU é dobremente importante que se controle e delimite rigorosamente quen pode acceder, non só porque se está a entorpecer a quen ten lexítimo dereito á praza por motivos laborais, senón porque se estarían a malgastar recursos públicos que non sobran.