Alternativa Cidadá de Esquerdas visitou esta mañá o Campus Universitario de Lugo para facer chegar aos mozos e mozas as súas propostas en materia de xuventude.
“Máis de 1000 persoas de menos de 30 anos abandoaron Lugo o ano pasado, onde a taxa de paro xuvenil supera o 40% e case a metade dos traballadores e traballadoras mozos e mozas teñen contratos temporais. Datos coma estes fan das políticas para recuperar a mocidade unha prioridade para Alternativa Cidadá de Esquerdas”, explica o candidato de ACE á alcaldía, Carlos Portomeñe.
Para revertir ditas cifras, ACE deseñará un Plan Municipal de Emprego Xuvenil, e abrirá unha liña de bolsas de emprego novo non precario, a xornada parcial ou continuada, para que os estudantes poidan combinar o horario lectivo co seu primeiro traballo. Ademáis, crearán a Oficina Municipal de Asesoramento e Orientación Laboral, para axudar aos máis novos a definir os seus intereses profesionais.
Máis alo das medidas de impulso do emprego xuvenil, ACE porá en marcha un Programa de Acceso á Vivenda para menores de 35 anos, e axudas en base á renda para a participación en todo tipo de eventos culturais, deportivos e lúdicos de patrocinio público. En xeral, a mocidade terá representación no concello para a posta en marcha das políticas dirixidas á mocidade a traveso do Consello Municipal de Xuventude.
Outro dos obxectivos de ACE é que a xente nova atope en Lugo a oferta cultural que normalmente ten que saír buscar a outras cidades de Galicia, pola falta de variedade nas actividades culturais e de ocio que se organizan a nivel local. Por iso, elaborará un programa de ocio alternativo contando coa colaboración e participación da propia mocidade lucense, e inaugurarán o primeiro Festival de Música Independente e Multicultural de Lugo.
Para fomentar as manifestacións artísticas e a creatividade da xuventude lucense, Alternativa Cidadá de Esquerdas abrirá espazos xuvenís municipais autoxestionados pola mocidade, escolas de animación e tempo libre e promocionará o asociacionismo xuvenil, avanzando así tamén en dinámicas da corresponsabilidade dos máis novos co medio público.