Ace e Cidadáns e PP din que o Goberno Municipal busca tapar ao anterior no caso Garañón

Para ACE-EU a xuntanza de voceiros convocada pola alcaldesa Lara Méndez para tratar cos técnicos municipais as últimas sentenzas contrarias ao proxecto de urbanización das torres de O Garañón foi unicamente un xesto de cara á galería. “Quedou claro que a intención do goberno non é atopar unha solución dialogada e pactada coa oposición que sexa beneficiosa para o Concello de Lugo e a súa cidadanía”, asegura Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Agardábamos unha reunión na que poder propoñer e debater solucións, e atopámonos cun xuízo sumarísimo no que se declarou a inocencia dos cargos políticos e persoal técnico implicado”.

O goberno está a tempo de facer as cousas ben, pero só será así se se senta a falar e escoitar de verdade a todos os grupos políticos da corporación, o promotor do proxecto e a cidadanía representada na Asociación en defensa do Parque Rosalía. “O Garañón xa está caendo como un castelo de naipes debido ás sentenzas que declaran ilegais as súas licencias, varias delas firmes, opoñerse ás mesmas só é unha perda de tempo e recursos públicos, e máis tendo en conta que o PXOM será anulado e con él a área de planeamento incorporado na que se atopa este proxecto”.

Pola súa banda o grupo municipal de Cidadáns ve tamén aos socialistas “máis preocupada por tapar a actuación dos seus antecesores, que por darlle unha solución á situación creada tomando a mellor decisión para os intereses dos lugueses e luguesas”.

A voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, non entende a actitude “á defensiva” que mostrou a alcaldesa esta mañá na comisión do Garañón e critica “que non informara aos grupos da oposición de cales son as decisións que vai tomar o grupo de Goberno a través do Concello e en nome de todos os cidadáns de Lugo en relación ás dúas sentenzas do TSXG que anulan a urbanización e a licenza de construción para a Unidade de Actuación CS-5 nas Costas do Parque”.

Na reunión e en presenza dos xefes de servizo de Urbanismo e Licenzas, a alcaldesa avanzou que “se solicitará un informe técnico externo, pero non quixo informar aos grupos da oposición de a quen se vai a solicitar e en que vai consistir, alegando que é algo que compete só ao equipo de Goberno”. Polo que Olga Louzao, considera que a alcaldesa debera “contar con todos os grupos á hora de tomar a mellor decisión para os intereses dos lugueses e luguesas”.

Tamén o voceiro popular fixo declaracións, logo da xuntanza de portavoces,Castiñeira lamenta “o curtopracismo” da alcaldesa, quen “se pecha en banda a estudar a anulación que pediamos do convenio como posible fórmula de librarnos das torres e dunha indemnización millonaria”. Ademais advirte que “Méndez só quere contratar unha asesoría externa puntual para decidir se se presenta o recurso ás últimas sentenzas, en lugar de avaliar todos os aspectos deste caso e anticiparse ás seguintes”

O popular apunta que o xefe de servizo de urbanismo recoñeceu que se non se tivera asinado o convenio e o cambio de sistema de xestión urbanística, “non obrigatorios por lei”, non se tería aprobado a urbanización antes do 1 de xaneiro de 2006, “cando se reducía a edificabilidade”

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com