Segundo ACE o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) exposto ao público trala súa aprobación inicial no ano 2006 era un documento ilegal, polo que é susceptible de ser declarado nulo de pleno dereito en virtude do artigo 63 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas, posto que non se fixeron os cambios que esixía a Consellería, para que o documento se axustase ao marco legal vixente.
“Que se aprobe inicialmente e se expoña ao público un documento que non cumpre a legalidade é un feito de suma gravidade, porque supón un fraude á cidadanía, que dispón dun prazo marcado para presentar alegacións. Os lucenses presentaron no seu día preto de 7.000 alegacións a un documento falso, coa súa conseguinte perda en van de tempo e cartos”, apuntou Carlos Portomeñe.
Segundo o voceiro de ACE-EU. “esta actuación neglixente pode ser causa de múltiples reclamacións e as conseguintes indemnizacións”, por iso o grupo municipal encabezado por Carlos Portomeñe solicita que se paralice inmediatamente o PXOM e tódolos proxectos relacionados con el, como o informe sobre inundables encargado á Confederación Hidrográfica Miño-Sil. “A súa paralización inmediata é un acto de responsabilidade, pois é perfectamente verosímil que en breve nos atopemos cunha multitudinaria Plataforma de Afectados polo PXOM de Lugo, ou coa esixencia de indemnizacións por dereitos adquiridos de promotores do solo se o PXOM debe retrotraerse o PGOU do ano 91, por lucro cesante”.
ACE-EU xa solicitou no rexistro do Concello diversa documentación, entre ela o expediente do PXOM remitido en 2004 á Xunta de Galicia, sobre o que curiosamente o Servizo de Urbanismo lle fixo saber esta mañá mesmo ao grupo municipal que “non conseguen atopalo e que está traspapelado”.