O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida preguntará na vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible pola solicitude de concesión por parte do Concello de Lugo dunha nova traída de aguas cun caudal de 453,62 l/s de auga procedente do río Miño, no lugar de Porto Meilán, parroquia de Adai, para abastecemento a Lugo e aos polígonos industrais.
Esta posible concesión recibiu múltiples alegacións por parte de diferentes colectivos ecoloxistas, tales como Ríos con Vida e ADEGA, pedindo á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) a denegación e arquivo desta solicitude, por considerar este volume de auga susceptible de producir un uso abusivo deste ben público e por ser radicalmente incompatible coas previsións do Plan Hidrolóxico vixente do Miño-Sil.
ACE-EU ve chamativo que na memoria do proxecto presentado polo Concello de Lugo non se faga referencia á eliminación da concesión que actualmente se emprega para o abastecemento municipal, dándose a entender implicitamente que, polo menos durante un tempo indefinido, a nova concesión solicitada habería de sumarse á xa existente, o que non ten cabida no ordenamento xurídico, pois non poden coexistir legalmente dúas concesións para o mesmo obxecto e finalidade.
ACE-EU preguntará por este feito, pois no caso de que se desexase contar con outro tanto volume de auga concedida para abastecemento urbano e de polígonos industriais, “atoparíamonos sen dúbida ante un abuso dun recurso público”, xa que se tería o dobre da capacidade real de abastecemento (a actual máis a que se solicita), excedéndose con moito a dotación bruta anual de 230 l/hab./día prevista no Real Decreto 1/2016, de 8 de xaneiro, que aproba a revisión dos Plans Hidrolóxicos.
ACE-EU considera “inxustificable” que se pretenda aumentar desmesuradamente o caudal de auga sen ter posto en marcha antes alternativas destinadas a racionalizar o consumo, como a actualización das tarifas adaptadas ao uso real, métodos de separación de calidades de augas para distintos consumos e de reutilización ou a renovación das redes de distribución. “Este tipo de medidas teñen que ser esixidas pola propia CHMS, que por Lei debe contribuir ao aforro de auga revisando o abastecemento das poboacións nos que se acredite que o obxecto da concesión pode cumprirse cunha mellor dotación ou cunha mellora técnica de utilización do recurso”, explica o voceiro da agrupación, Carlos Portomeñe.