O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida considera cuestionable a concesión de licencia urbanística por parte do Concello de Lugo á multinacional Mcdonald’s para construir dous edificios illados para restaurante e aparcadoiro na zona de San Fiz, por ser un proxecto discordante nunha área destinada a uso residencial e dotacional.
O proxecto, cuxa construcción avanza de xeito notable, atópase en solo de uso específico residencial, nunha contorna tamén residencial como é Augas Férreas, e dotacional como é o Campus Universitario, cun entorno de alto acabado estético en edificacións e accesos, lindando con dous inmobles públicos, un deles un centro de ensino, e moi preto dun elemento catalogado como é a Escola de Artes Aplicadas.
“Este conxunto de edificios é máis propio dunha área de servizo nunha vía de comunicación que dunha zona urbana de preferencia para vivendas e equipamento comunitario, tal como se indicaba nun Informe do Servizo de Arquitectura do 15 de xullo de 2016 co que coincidimos plenamente. Non ten sentido que se autorice un proxecto deste
tipo a menos que se pretenda converter a zona nunha área comercial ou polígono industrial de xeito encuberto”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Esta licencia é incompatible cun urbanismo racional e sostible que respete o entorno patrimonial e que priorice os espazos públicos para a calidade de vida da cidadanía sobre a explotación económica privada”.
Agravio comparativo coa Asociación Raiolas
ACE-EU preguntará na vindeira Comisión de Urbanismo polo procedemento administrativo de concesión desta licenza por considerar que poden existir tamén deficiencias no mesmo. Non en van, tódalas propostas presentadas pola empresa recibiron reiterados informes negativos ata que se deu o visto bo á modificación final, pero ACE-EU mantén que seguen prevalecendo os criterios plantexados para denegar inicialmente a licenza.
Examinado o expediente, este grupo municipal non atopa que a empresa presentase a obrigatoria memoria urbanística que xustifique suficientemente a conveniencia de realizar ese proxecto nesa área en concreto e que sexa compatible coa normativa urbanística local. ACE-EU pon en dúbida que nunha parcela de planeamento incorporado como este UZPI- 2.R se poidan construir edificios illados de uso comercial en solo de uso específico residencial sen ter realizado previamente unha modificación do PXOM que sexa aprobada no Pleno, como aconteceu no caso do centro de día para persoas con autismo que a Asociación Raiolas quere abrir no Campus Universitario.