Ace- Eu denuncia posible malversación da Estratexia DUSI na pasarela do Anxo Carro

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida revelou esta mañá que o estudo de viabilidade da pasarela peonil para o Anxo Carro, financiada polos fondos da Estratexia DUSI, concluíu que non se considera adecuada a execución de ningunha pasarela nestes momentos.

Sen embargo, e segundo afirma a agrupación, a alcaldesa “ocultou” as conclusións da obrigatoria fase de análise de viabilidade e anunciou un proxecto do que os técnicos avisaron literalmente que “a súa ubicación non supón unha alternativa real aos actuais pasos” polos que a xente xa accede camiñando ao campo de fútbol do C.D. Lugo, que son de menor percorrido. Este é un feito, que o voceiro da agrupación, Carlos Portomeñe, cualificou como “de suma gravidade” que podería supoñer un “delito de malversación de caudais públicos e fraude de subvencións europeas” por parte da alcaldesa, ao decidir encargar un proxecto a sabendas de que non é necesario por existir xa varios accesos peonís baixo a estrada nacional máis curtos.

“A alcaldesa está timando á cidadanía de Lugo, ignorou deliberadamente os informes técnicos solicitados polo propio goberno local mediante un concurso público e do que xa tiña os resultados negativos dende o pasado 1 de decembro, e encargou de tódolos xeitos a redacción do proxecto constructivo que xa custou 28.645,83 € ás arcas do Concello”, sinala Carlos Portomeñe.

“Para maior gravidade o proxecto que anunciou a bombo e platillo o pasado mes de marzo dobra o custe orzamentado no estudo de viabilidade, pasando de 458.745€+IVA a 885.700€. A alcaldesa está xogando sen pudor cos cartos públicos, tanto europeos como municipais, destinando centos de miles de euros a unha obra mastodóntica absolutamente inxustificada, como así está recollido na documentación que se ocultou tanto aos grupos municipais como aos e ás lucenses. Estamos ante un engano deliberado e inadmisible”, afirmou o concelleiro.

O estudo de viabilidade plantexaba dúas opcións de pasarela, ámbalas dúas inequívocamente descartadas no mesmo: unha co itinerario axeitado, que non é posible executar por estar “hipotecada a que a ordenación dese entorno non sexa compatible coa proposta de implantación desta pasarela”, e outra opción que une a contorna próxima ao centro comercial Carrefour co aparcamento do Anxo Carro, cuxo proxecto inicial xa foi redactado e presentado públicamente pola rexedora, tamén desbotada polos técnicos porque “non representa unha verdadeira alternativa aos pasos actuais nin un novo itinerario peonil”. 

ACE-EU solicitou por escrito copia deste informe en abril e non se lle facilitou ata o pasado venres 27 de xuño, despois de moita insistencia e dunha providencia do secretario municipal emitida o 10 de maio. “Tras ler o contido do informe entendemos a demora en ser entregado e que a alcaldesa non quixera amosar os estudos de viabilidade nas Comisións de Seguemento da EDUSI, celebradas nos meses de febreiro e maio, a pesares de que foron solicitadas de xeito reiterado polos grupos políticos, tal como consta en acta, e de que é a súa obriga facelo tal como establece a Lei de Bases do Réxime Local”, relatou Portomeñe.

ACE-EU esixe a convocatoria inmediata da Comisión de Seguemento da Estratexia DUSI para que a oposición poida recibir as explicacións pertinentes por parte da alcaldesa e anunciou que elevará este asunto ao seu grupo parlamentario europeo por afectar a fondos da UE e que está recopilando toda a documentación para trasladala de ser necesario ao Servizo Nacional de Coordinación Anti-fraude, dependente do Ministerio de Facenda, encargado de supervisar o correcto trámite e uso das subvencións europeas. Ademáis, este grupo municipal advertiu máis posibles irregularidades nos traballos do Plan Muramiñae que financiará a UE a través da liña de subvencións da Estratexia DUSI, sobre os que continuará investigando e sobre os que preguntarán nas vindeiras comisións do mes de xullo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com