ACE-EU esixe que o Goberno local cumpra o acordo plenario de reprobar á alcaldesa

A corporación municipal concorría hoxe, na Casa do Concello, na Comisión de Seguimento dos acordos plenarios, no que o equipo de goberno debería dar conta dos avances feitos sobre as mocións aprobadas en pleno pola corporación. Ao fío desta comisión, o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas, Carlos Portomeñe pediu ao goberno local que cumpra o acordo de reprobar á alcaldesa Lara Méndez. Esta moción contemplaba a publicación na páxina web institucional do Concello de Lugo e no Portal de Transparencia a moción de reprobación ao completo, para que a cidadanía coñeza os motivos polos cales os grupos municipais decidiron reprobar a xestión.

Doutra banda, o BNG-AA encabezado polo seu voceiro, Rubén Arroxo, lamentou que a alcaldesa ignore os acordos plenarios e ve “incompresible” que o PSOE busque “escusas baratas” para non cumprir os que eles mesmos apoiaron. Na comisión de seguimento de Acordos Plenarios a alcaldesa recoñeceu que se ía incumprir o acordo plenario de peonalización do tramo da Mosqueira “ata que non se faga a estación intermodal”. Para o BNG esto supón unha “renuncia” en avanzar cara a peonalización da cidade e en liberar o entorno da muralla do tráfico de vehículos a motor.

Arroxo afirmou que “a alcaldesa pon como escusa a Intermodal para non peonalizar o tramo da Mosqueira” e explicou que “despois de ter aprobadas dúas iniciativas do BNG no pleno por unanimidade non se pode volver atrás deste xeito por que é un insulto a todos os grupos da corporación, incluído o socialista, e a todas as persoas que nos elixiron para representalas”. “Non hai máis que ver os orzamentos da Xunta para saber que a Intermodal non está na folla de ruta do PP para Lugo e o PSOE sabeo perfectamente”  dixo Arroxo e engadiu “por eso nos parece máis insultante, por que a alcaldesa sabe perfectamente que Lugo vai estar sin intermodal durante moitos anos”.

 

 

Neste senso, o PP lamentaba tamén que a alcaldesa non vira “a realidade da cidade e da xestión socialista” nin a falta de autocrítica da rexedora que, afirmaron, “obriga aos lucenses a vivir nunha parálise absoluta”. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, asegurou que Lara Méndez “fai trampas cando xoga ao solitario” despois de escoitar as explicacións da alcaldesa. 

Unha valoración positiva, a que fixo a rexedora e que, segundo Antonio Ameijide, só pode darse “no mundo imaxinario da alcaldesa” que segue negándose a ver a realidade de Lugo e da súa xestión, “concretamente da súa falta de xestión”. “Agora entendo o que pasa neste Concello. Lara Méndez vive nun mundo imaxinario, moi lonxe da realidade de Lugo e os lucenses, que seguen a ver como o equipo de goberno vive instalado na parálise, sen dar solucións aos problemas da cidade, renunciando así a que Lugo avance”, asegurou o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com