Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida esixiu hoxe que se comece de inmediato o proceso de reforma do Regulamento Orgánico Municipal (ROMP), acordado polo Pleno o pasado setembro de 2016, e que segue pendente da orde de alcaldía para poder inicialo case dez meses despois.
No devandito acordo plenario, acadado a proposta de ACE-EU, establecíase a constitución dunha mesa de traballo para recoller as aportacións de tódolos grupos municipais, que debera ter sido convocada antes do remate do ano pasado, e que a proposta de novo regulamento debía estar lista no primeiro trimestre de 2017. Unha das eivas do actual regulamento que ACE-EU considera imprescindible corrixir é a falta de ecuanimidade entre os prazos de presentación de propostas esixidos ao goberno e os requiridos aos grupos da oposición.
“Os grupos municipais debemos rexistrar cunha antelación mínima de seis días hábiles as nosas proposicións plenarias ou preguntas nas comisións, mentres que ao goberno non se lle esixen prazos concretos para entregar as propostas de alcaldía ou mesmo o borrador dos orzamentos, o documento máis complexo e crucial para o funcionamento da administración municipal e cuxa aprobación é unha das poucas competencias directas que lle resta ao Pleno tralas sucesivas reformas da normativa local”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
“Un exemplo claro de que o actual regulamento dificulta a actividade propositiva e fiscalizadora da oposición e de que na práctica resulta discriminatorio, é que os grupos políticos non puidemos presentar emendas ao expediente de modificación dos orzamentos debatido o mes pasado, debido a que o equipo de goberno entregou os expedientes con só 24 horas de marxe”, sinala o concelleiro.
Para ACE-EU, o mínimo que se lle debe esixir a un regulamento municipal que se pretenda democrático é que trate con ecuanimidade a tarefa de goberno e a de oposición, para o que é condición imprescindible establecer prazos igualitarios que permitan a ambas partes a correcta análise documental e a preparación das iniciativas.
“Consideramos urxente que se acometa de inmediato a reforma do ROMP, xa que, como se fixo evidente na tramitación de crédito orzamentario para permitir novos investimentos, o goberno de Lara Méndez aproveita tódalas oportunidades que lle brindan as deficiencias do Regulamento para utilizalo en contra da oposición”, afirmou o concelleiro.