ACE-EU insta tamén ao concello a non ceder ás ameazas de Lence e as presións da Xunta

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida considera inaceptables nun Estado de Dereito as declaracións públicas emitidas tanto polo dono do Grupo “Leite Río”, Jesús Lence, como polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, trala sentencia do Tribunal Supremo que “ratifica a orde de demolición da planta que Leite Río ten no polígono lucense de O Ceao, por ter sido construída incumprindo a lei, sen licenza de obra e en terreo rústico, e que debe ser executada nun prazo máximo de dous meses; e ten claro que o Concello de Lugo non debe ceder ante ditas ameazas e presións”.

O voceiro quixo salientar a contradición da empresa ao solicitar ”un  trato de favor” e ao mesmo tempo “intente facer chantaxe ao pobo de Lugo, ao que é certo que da postos de traballo, pero do que tamén recibe, pois os lucenses son importantes consumidores dos seus negocios”. “Antes de levar a planta fóra de Lugo e de Galicia, que a compañía devolva primeiro todas as subvencións e axudas públicas recibidas desta comunidade e que compense ao municipio polo notable impacto ambiental da súa actividade económica”, subliñou Portomeñe.

Portomeñe continúa :“A xustiza debe ser igual para todos, sexa un grande empresario ou o propietario dunha vivenda do rural. A situación da nave de Leite Río é exactamente a mesma ca da casa que se derrubou recentemente en Ombreiro, e nese momento a ningunha autoridade autonómica se lle ocorreu intervir para impedilo”.

Asemade engade Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Resulta escandaloso que o propio presidente da Xunta de Galicia se atreva a instar publicamente ao Concello de Lugo a ignorar unha sentenza nada menos que do Tribunal Supremo e a saltarse a lei. Dende logo, co noso grupo municipal que non conten para prevaricar en favor das ilegalidades cometidas por unha empresa privada”. “A mensaxe lanzada por Feijoo carece de todo sentido, porque precisamente foi a Xunta de Galicia a que non aprobou o 5% pendente do PXOM de Lugo por ser contrario á lei do solo, e pode entenderse como un intento de coaccionar tanto a toda a corporación lucense (pois calquera modificación do Plan Xeral debe ser aprobada polo Pleno) como aos técnicos autonómicos que simplemente cumpren coa súa obriga de cinguirse estritamente á legalidade”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com