ACE-EU lamenta que a celebración do Caudal Fest perxudique outras iniciativas musicais

Desde hai algúns anos, a oferta cultural da cidade vai en aumento grazas á iniciativa de asociacións, colectivos e particulares. No ámbito musical existen eventos xa consolidados que se celebran ao longo do ano, cun esforzo notable por parte dos promotores colectivos ou individuais que os organizan e que asumen claros riscos económicos, antepoñendo os valores culturais ao afán de lucro.

Algúns destes eventos musicais carecen de subvencións ou axudas públicas, como é o caso do Festiblas, o festival musical que cumple este ano a súa novena edición consecutiva e que leva meses programado e anunciado para os días 21 e 22 de setembro. “Sen embargo, a alcaldesa presentou por sorpresa o Caudal Fest, un festival que pretende atraer 10.000 persoas facéndoo coincidir nas datas do festival de iniciativa local”.

O goberno municipal actúa, segundo ACE-EU, pensando máis na propaganda que nas repercusións dos seus actos. O grupo mixto considera que neste caso a contraprogramación resulta tan evidente que no cartel anunciador se publicita un concerto de balde na praza de Santa María con actuacións musicais sen confirmar, é dicir, que non conta sequera cunha previsión dos grupos que intervirán no concerto. ACE-EU esixe que se suspenda e paralice a programación virtual do venres día 21, tendo en conta que os concertos non están anunciados nin pechados e afectan negativamente a un proxecto local xa consolidado.

A alcaldesa tamén dixo literalmente na presentación que o Caudal Fest “ten unha programación moi coidada, moi pensada. Levamos meses traballando neste proxecto”, frase que pode comprobarse no audio aloxado na páxina web do Concello. Unha afirmación que o grupo mixto cualifica como preocupante e que plantexa un claro interrogante: “Se levan traballando meses, porque anuncian un cartel con actuacións sen confirmar o primeiro día do festival?”

En opinión de Alternativa Cidadá de Esquerdas, o PSOE prefire favorecer aos grandes promotores por enriba dos colectivos e persoas lucenses que traballan todo o ano para garantir unha programación musical que sitúa a cidade no mapa cultural do estado, e que sufren en demasiadas ocasións os atrancos da administración municipal, que ten amosado reiteradamente as súas carencias e limitacións na programación cultural.

De igual xeito, a alcaldesa anunciou que o Caudal Fest chegaba para quedarse e que pretende ser a terceira gran cita do calendario de Lugo, tras o Arde Lucus e o San Froilán. Esquerda Unida, considera “totalmente inapropiada a pretensión de facer estable este festival nas datas que se celebra este ano”, polo que sería preciso cambialo para un periodo máis alonxado das festas locais e para non pisar outro evento musical xa consolidado. “En segundo lugar-prosiguen dende a agrupación- o Goberno dá un paso máis na súa pretensión de deixar languidecer o San Froilán, por dar clara preferencia ao Arde Lucus e por organizar agora un evento musical a uns días da súa celebración cando so hai tres grupos contratados para as festas”.

Hai so uns días, a concelleira de Cultura manifestou a dificultade de incorporar un concerto grande ao San Froilán porque, segundo ela, a contratación dos grupos é cada vez máis cara e a maioría deles non queren tocar sen cobrar entrada. Un feito que para ACE-EU, carece de fundamento e semella unha disculpa máis para agochar a falla de preocupación por realizar contratacións para o San Froilán. Sen embargo, o goberno contrata un festival uns días antes do inicio das festas da cidade con grupos importantes que cobran un alto caché.

“O goberno estima que pagar por certos concertos no San Froilán resulta caro pero non son caros se se contratan para uns días antes no Caudal Fest? Esiximos coñecer canto costa ás arcas públicas este festival e en que partidas orzamentarias se recolle a cantidade aportada? Que previsión de retorno económico fai o Concello? Hai que lembrar que o pasado ano as contas do San Froilán presentadas polo goberno amosaban un déficit de 137.758 €, ao que podería sumarse outro déficit importante na celebración do Caudal Fest. Esiximos transparencia absoluta na contabilidade do festival”.

Algúns dos grupos que participan no Caudal Fest inclúense nas propostas musicais variadas que ACE-EU leva propoñendo desde o inicio do mandato en 2015, tal é o caso de Vetusta Morla ou Novedades Carminha, e sempre se utilizaron diferentes disculpas para xustificar a imposibilidade de contratar a estes e outros grupos. “Por que a once días do inicio das festas veñen estes grupos? Explorouse a posibilidade de que participasen no San Froilán como concertos de balde?”, cuestiónase a agrupación.

Desde ACE-EU consideran a alcaldesa minte unha vez máis. O Caudal Fest non é unha iniciativa do Concello para traer un festival importante, senón unha iniciativa privada dunha UTE (Unión Temporal de Empresas) que oferta os concertos ao Concello e este súmase. “De feito, temos datos que confirman que os organizadores ofertaron este festival noutros concellos galegos”.

Ademais, entre os atrancos que sufren algúns promotores musicais da nosa cidade está a imposibilidade de atopar permisos para determinadas ubicacións para os concertos. “Temos constancia de que a algún colectivo lle foi denegado o permiso para utilizar os terreos do exterior do pazo de feiras por requerir permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS)”. ACE-EU esixe do goberno municipal que aclare se solicitou o permiso da CHMS para a celebración deste evento no escenario previsto. Un dato que adquire maior relevancia cando a alcaldesa na presentación do festival afirmou que a intención era “promocionar a imaxe de Lugo a través do seu patrimonio medioambiental”. Levaremos estas e outras cuestións á Comisión de Cultura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com