ACE-EU ven de emitir unha nota de prensa onde entre outras cousas, afirma que o Concello de Lugo está a prestar o servizo de comedores escolares sen axustarse á normativa autonómica que regula ditos comedores escolares, “nomeadamente sobre as modalidades de xestión e as condicións xerais de contratación establecidas legalmente, pois non existe ningún expediente de adxudicación ou contrato algún entre o Concello de Lugo e a empresa de cátering encargada do mesmo”
“A día de hoxe, a empresa encargada de prestar este servizo é A Billarda, do grupo Vitae, aínda que o obxecto do contrato que lle foi adxudicado en 2014 só corresponde á impartición das actividades extraescolares despois do xantar e ao servizo de apoio ao comedor (monitores para atender e vixiar os usuarios), coñecido como Programa unha escola aberta, sen incluír expresamente a elaboración e preparación en cociña dos menús, o seu transporte diario aos colexios, servilos en mesa e a limpeza posterior”. O comunicado continúa “deste xeito non hai forma de comprobar se a empresa encargada do cátering está capacitada para realizar este tipo de actividade ou se cumpre as preceptivas condicións hixiénico-sanitarias. Tampouco hai noticia de se o Concello ten contratada a obrigatoria póliza de seguro que debe estar directamente vinculada á prestación do servizo de comedor escolar ou do convenio de colaboración que debe subscribirse coa Xunta de Galicia se a xestión integral a leva unha administración pública distinta da autonómica, tal como dispón o devandito decreto de comedores”.