Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida anunciou esta mañá en rolda de prensa que presentará no vindeiro Pleno de xullo a proposición de reprobación da alcaldesa polo “déficit democrático e parálise institucional á que está abocado o Concello de Lugo“, segundo considerou o voceiro da agrupación no Concello, Carlos Portomeñe.
Este grupo municipal tomou esta decisión tras explorar durante dúas semanas a posibilidade de reprobar á alcaldesa nun Pleno extraordinario, pero non ter os apoios necesarios dos partidos da oposición. “É necesario e urxente reprobar á alcaldesa pero tamén que se clarifique a oposición porque deron un cheque en branco e hai quen debe, ao noso entender, presionar a alcaldesa para que polo menos cambie radicalmente o seu modelo de xestión e cambie, radicalmente a súa forma de relacionarse co resto da corporación”.
Carlos Portomeñe explicou a reprobación da alcaldesa como “unha responsabilidade ética da oposición ante a crecente institucionalización da irregularidade no Concello de Lugo” e cualificouna como un xeito de brindar ao executivo de Lara Méndez a oportunidade de rectificar a súa forma de goberno para os vindeiros dous anos de mandato. ACE-EU quere afearlle á rexedora a súa forma de xestión. “Chegou dicindo que o diálogo ía ser a súa seña de identidade e, hai que decir, que estamos ante un diálogo cero coa oposición”, reiterou Portomeñe.
O colapso ao que, segundo asegura ACE-EU, Lara Méndez ten abocado o Concello de Lugo non se evidencia só, para Portomeñe, na ausencia de orzamentos “cando a cidade máis os necesita”, senón tamén “no deterioro acelerado dos servizos e infraestruturas máis básicas, na tramitación dunha Relación de Postos de Traballo que dividiu ao funcionariado e enquistou aínda máis os problemas de persoal; na ralentización do pago de facturas e subvencións e o amontoamento de reparos de legalidade, no aumento de servizos privatizados, na acumulación de contratos caducados, etc”.
Para Portomeñe, non se trata soamente de problemas de xestión, senón que considera ademáis que a alcaldía demostra “falta de vontade política” á hora de executar acordos plenarios e mesmo o que tildou de “conductas despóticas”, en referencia ao bloqueo na Comisión do Garañón.
“A cidadanía falou claro nas eleccións municipais: acabouse a época das cómodas maiorías absolutas e multiplicáronse as forzas políticas con representación no Pleno. O único xeito lexítimo de gobernar é a través do diálogo e a vontade de acordos, e máis por parte dunha alcaldesa que non foi nin sequera elixida nas urnas. Como representantes públicos é o noso deber esixir que se cumpra o mandato cidadá”, finalizou Carlos Portomeñe.